As Fragas do Xarío e a súa nova senda dos muíños
As características dos bosques galegos e as súas fragas.
Se hai algunha cor vencellada a Galicia, ese é o verde. Os bosques son un dos grandes atractivos da nosa terra, e un dos seus compoñentes de maior valor natural e cultural.
As fragas ou bosques autóctonos galegos, abarcan varios tipos de bosques, todos pertencentes aos denominados bosques atlánticos caducifolios europeos, atopándose en Galicia algúns dos mellor valorados.
O bosque autóctono de Galicia por excelencia é o atlántico, así que, dependendo da altitude e do sustrato, as especies predominantes acostuman ser o carballo, a castiñeira, o acivro, o loureiro, o espino ou a sobreira.
Unha das catacterísticas da fraga, o bosque autóctono galego, é que na súa formación non interveu a mán do home. Son extensións illadas e de difícil acceso e gran espesura, onde a frondosidade das copas das árbores impiden que a luz chegue ao chan. Deste xeito son quen de manter a temperatura e humidade constantes, permitindo o asentamento de especies vexetais e animais nunha rica diversidade.
Os ríos teñen un gran protagonismo na formación das fragas, establecendo unha rede de arroios e regachos sombríos con húmedas ribeiras.
As brumas, néboas e as abundantes choivas fan o resto, provocando o xurdir dunha variada colección de musgos, fentos e liques que constitúen un dos grandes tesouros deste tipo de bosques.
A Fraga do Xarío.
Este espazo verde de 58.000 metros cadrados forma parte da riqueza paisaxística do concello de Miño, sendo o espazo máis grande das súas características de todo o municipio. Serpenteada polo río Xarío que a denomina, está situada entre a urbanización Costa Miño e a praia Grande.
No seu comezo, un panel informativo móstranos os diferentes roteiros ovaladas cos seus carreiros de conexión que podemos escoller á hora de pasear pola contorna.
Dispoñemos aquí dun frondoso bosque de ribeira, cos seus loureiros característicos, bidueiros, freixos, salgueiros ou amieiros, así como algunhas árbores de maior envergadura como carballos, castiñeiros ou haxas. As principais especies arbóreas están sinalizadas e panelizadas para distinguilas.
Os amieiros e freixos forman espazos sombreados e frescos, que son aproveitados polo acivro e outros arbustos. Os seus numerosos recunchos húmidos e sombríos, resultan idóneos para anfibios como os tritóns, as rás ou as píntegas.
Entre os vertebrados, sendo coidadosos, observamos esquíos, raposos, algún asustadizo corzo e ata as fuxidías xinetas se conseguimos ser o suficientemente sixilosos. Non é estraño ver as irregularidades do terreo realizadas polos porcos bravos.
A frondosidade resulta moi atractiva para a variada gama de paxaros que habitan aquí: variados ferreiriños (cristado, azul e negro), curruca zarcera, mosquiteiros… Un dos atributos máis fascinantes dos paxaros é o seu canto. Un coro ao descuberto de barítonos, tenores e baixos, que varían de intensidade segundo o ciclo reprodutor: cortexo, emparellamento, incubación e crianza. Recomendamos unha pausa nun dos bancos onde agudizar a escoita para diferenciar os trinos de cada un, e deixarse evocar polo momento.
No outono sorpréndenos a beleza máxica dos cogomelos, como a tan valorada Boletus edulis, que asoma entre os carreiros tapizados de follas. A forma, o colorido, a beleza ou as calidades gastronómicas dalgunhas delas rivalizan co perigo de envelenamento, mesmo mortal, que poden provocar outras. Así é o fascinante mundo da micoloxía. Un dos colaboradores ao aspecto máxico desta contorna é o Musgo do carballo (Evernia prunastri). Medra nos troncos e as ramas do carballo (quercus robus). Orixinario de Europa e de América do Norte, o lique recóllese en Europa, particularmente en Macedonia e Bulgaria. Moi valorado na elaboración de perfumes, pola súas notas complexas, terrosas, e salgadas, que evocan o cheiro do bosque.
Entre o patrimonio da fraga atópanse os restos da antiga Casa Grande de os Ginés. Unha propiedade que contaba con dous muíños na planta baixa e unha vivenda na primeira, ademais doutras edificacións que daban servizo a unha construción datada no século XVII, segundo recóllese no Plan Xeral de Miño.
A Fraga do Xarío conectouse recentemente mediante unha senda co Camiño Inglés de Santiago. Este carreiro lineal transcorre ao longo do leito do Río Xarío, percorrendo en paralelo os terreos do Campo de Golf, ampliando o goce desta contorna de gran valor ecolóxico. Este novo tramo pódese comezar polo lado Norte da Fraga ou, á altura da segunda rotonda de Costa Miño, se se accede desde o Camiño de Santiago.
Ao longo da senda podemos localizar a estrutura pétrea cuberta de hedra de catro antigos muíños de auga, que enriquecen o patrimonio etnográfico do municipio.
Recomendámosvos frecuentar este interesante e zizagueante percorrido da fraga do Xarío e a súa senda dos muíños ao longo do ano. A fraga é un ente vivo, as sensacións cromáticas, sonoras e olfativas que transmite esta pequena área verde son ben diferentes durante as catro estacións.